|
Mª Carmen Pardo López, Secretaria
Mª Carmen Pardo é licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais e conta cun Máster en Unión Europea. Realizou tamén unha posgraduación en Marketing Turístico e un Curso Superior en Dirección e Xerencia Hoteleira. Doutoranda, tendo obtido xa o Grao de Suficiencia Investigadora, tamén en Turismo.
Fala cinco idiomas: galego, castelán, francés, inglés e portugués, e ten exercido en varias ocasións a docencia universitaria en temas vinculados ao sector turístico como a organización de empresas turísticas, a xestión de recursos humanos en hotelería e o marketing turístico, entre outros.
Posúe experiencias profesionais en banca e na administración local, rexional e nacional, pero foi no sector privado onde traballou máis tempo, en dúas multinacionais (unha europea e outra americana) do sector turístico, en España e Portugal, nas que desempeñou cargos de directora de recursos humanos.
Como tenente alcalde de Verín, exerceu de responsable das áreas de promoción económica, réxime interno, turismo, medio ambiente, comercio e Eurocidade.
En marzo de 2009 foi elixida deputada autonómica pola provincia de Ourense e actualmente desempeña o cargo de Secretaria Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia.
No seu currículo figuran bolsas e premios como o premio á mellor xestión municipal de impulso ao turismo, do ano 2008; o primeiro premio Comunicación Científica ao Congreso Internacional de Innovación e Turismo de Palma de Mallorca, no 2006; o Premio Francisco Zarza ao mellor expediente académico no Posgrao en Dirección Hoteira, no 1998 ou o premio de RTVE e a Embaixada francesa en España para a realización de estudos na Universidade da Sorbonne, en París.
|
|